Rosalia

Estranxeira na súa patria

Na xa vella baranda
entapizada de hedras e de lirios
foise sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomáis, outros no esprito,
veu pouco a pouco a aparecer na altura
do direito camiño,
que monótono e branco relumbraba,
tal como un lenzo nun herbal tendido.

Contempróu cál pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixaren nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
de habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños.

Mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na baranda contempraba
cál brilaban os lumes fuxitivos.

Deixar un Comentario